Aprobada a lei de eutanasia en España

1 minutes read
  • Os únicos partidos que votaron en contra foron o PP, Vox e UPN

O Congreso aprobou este xoves a lei de eutanasia cun amplo respaldo e cos votos en contra de PP, Vox e UPN. En concreto a votación saíu adiante grazas a 198 votos a favor, 138 en contra e dúas abstencións.

Esta lei, que podería entrar en vigor o próximo ano, foi demandada durante moitos anos por familiares, colectivos e polas propias vítimas para poder ter a elección de morrer de forma digna. Cando o Senado a tramite definitivamente, España converterase no sexto país do mundo en despenalizar a eutanasia.

Esta norma non obrigará a ninguén a acollerse á eutanasia, pero todos os españois teremos o dereito de decidir como morrer. Este dereito incluirase como unha prestación no Sistema Nacional de Saúde.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, destacou no seu perfil de Twitter que esta lei supón «unha gran conquista social para o noso país»; e agradeceu aos grupos políticos o «apoio a esta norma» ademais de valorar todo «o traballo conseguido» polas persoas e colectivos.

No lado contrario, PP e Vox volveron a defender os coidados paliativos como alternativa á eutanasia.

Quen poderá solicitar esta lei?

Segundo o proxecto, poderán acollerse á eutanasia as persoas maiores de idade que se atopen en plena «capacidade de obrar e decidir», que padezan unha enfermidade grave ou un sufrimento intolerable e que expresen a súa vontade de morrer.

Durante todo o proceso o paciente estará acompañado por persoal médico, e a decisión poderá ser revogada en calquera momento.