Na sesión deste luns tamén saíron adiante outras licenzas urbanísticas para diferentes actuacións no municipio.
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión deste luns a licenza urbanística para a demolición do edificio da antiga cámara agraria, situado na avenida da Milagrosa. A actuación está promovida pola Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.
O inmoble, construído arredor do ano 1958 e actualmente en desuso, consta de planta baixa e dúas plantas superiores. A superficie construída total supera os 300 metros cadrados e o volume estimado de demolición é de aproximadamente 1.105 metros cúbicos.
O proxecto técnico de demolición conta cos informes técnicos e xurídicos municipais favorables. Ademais, dispón da autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, ao atoparse o edificio na contorna de protección dun ben catalogado.
Segundo o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local, os traballos deberán iniciarse nun prazo máximo de tres meses desde a notificación da licenza e terán un prazo máximo de execución de dous anos.
Aprobadas varias licenzas urbanísticas
Na sesión deste luns tamén saíron adiante outras licenzas urbanísticas para diferentes actuacións no municipio. Entre elas figura a instalación dun ascensor nun edificio residencial da rúa Valle Inclán, cun orzamento de 44.523,41 euros para mellorar a accesibilidade; a construción dunha vivenda unifamiliar nas Encrucilladas, na parroquia de Oza, nunha parcela de 939 metros cadrados e cun orzamento de 192.092,16 euros; e a construción dunha nave industrial destinada a taller de carpintería metálica no parque empresarial de Bértoa, cun investimento previsto de 1.122.853,68 euros.
Tamén se autorizou a ampliación dunha nave industrial dedicada á ensamblaxe e almacenaxe de portas e venda de ferraxería no mesmo parque empresarial; a construción dunha nave para a xestión e tratamento de residuos de poliestireno en Queo de Arriba (Bértoa), cun orzamento de 339.786 euros, e a realización de obras para un restaurante provisional en Monte Peados, na parroquia de Razo, nunha edificación desmontable dunha planta de arredor de 164 metros cadrados con terraza exterior.