A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aprobou definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cambre no ámbito da estrada N-VI, uns cambios que teñen como finalidade realizar unha ordenación integral dos bordos desta infraestrutura ao seu paso polo municipio co fin de potenciar a economía local e as actividades xa existentes.
A modificación urbanística promovida polo Goberno local persegue dous obxectivos básicos. Por unha banda, delimitar novo solo urbanizable para actividades terciarias e usos dotacionais nun ámbito de case 44.000 m2 na zona do Temple, un núcleo urbano onde xa se teñen desenvolvido varias actuacións polo que a nova delimitación contribuiría a reforzar e potenciar a economía local e as actividades asentadas neste ámbito, actualmente consolidado como un dos eixos máis dinámicos da comarca.
Así mesmo, a segunda xustificación desta modificación puntual é corrixir a normativa urbanística en vigor –aprobada no ano 1994 , que non clasifica como solo urbano un ámbito de 3.295 m2 situado ao leste e consolidado pola edificación e o nivel de infraestruturas urbanas existentes, recoñecendo así de facto a realidade actual desta zona.
Por todo o exposto, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de acordar a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de Cambre ao entender que se dan razóns de interese público que xustifican os cambios propostos desde o punto de vista social e económico.
Con esta resolución, culmínase a tramitación da modificación aprobada inicialmente polo Concello de Cambre en maio de 2018 e sometida a continuación a información pública durante dous meses. Tras recadar os informes sectoriais preceptivos e darlle audiencia aos municipios limítrofes, o pleno municipal aprobou provisionalmente a devandita modificación o pasado xaneiro, remitindo á Xunta o expediente completo en aplicación da Lei do Solo.