Aprobada a proposta para que a Xunta reverta aos concellos os terreos portuarios sen uso

Imaxe do porto de Malpica

  • Os socialistas lembran que esta proposta foi excluída da Lei de Portos de 2017, e que os populares votaron en contra en 2018

O Pleno do Parlamento aprobou este mércores unha proposición non de Lei do PSdG-PSOE para pedirlle á Xunta que habilite a reversión aos concellos dos terreos de titularidade portuaria que deixen de ter uso para os portos.

O parlamentario socialista, Julio Torrado, esixiulle ao goberno galego que “cumpran o que prometen” logo de lembrarlle que excluíron esta posibilidade da Lei de Portos de 2017, e que votaron en contra no 2018. Torrado tildou de “falaz” o argumento do PP de que a Xunta xa está traballando nisto cando “a realidade é que en 2017 non o incorporaron á lexislación” e no 2018 “rexeitaron unha proposta semellante na Comisión de Pesca”.

O socialista destacou que os vaivéns do PP evidencian que o goberno galego está en contra desta medida cando “hai moitísimas solicitudes –de reversión dos terreos- que se negan porque a Xunta o que quere é cobrar e cobrar”. Ademais sinalou que esta problemática se dá sobre todo en tres zonas “que curiosamente non teñenn alcaldías populares”, como son o Salnés, a Costa da Morte e a Mariña Luguesa.