Aprobada a subida do 2,5% para as pensións contributivas e dun 3% para as non contributivas


O Consello de Ministros aprobou a revalorización das pensións para o ano 2022, que supón a subida do 2,5% para as contributivas e das Clases Pasivas do Estado e o incremento do 3% das pensións mínimas e das non contributivas, entre elas o Ingreso Mínimo Vital. Así mesmo, aprobouse unha paga compensatoria pola desviación de inflación que se produciu o ano pasado. O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, explicou que o Goberno destina a esta revalorización 6.500 millóns de euros e que se beneficiarán, con efectos desde o 1 de xaneiro, 11,5 millóns de pensionistas, “que poderán manter o seu poder adquisitivo”.
Escrivá destacou que este aumento das pensións fíxose por primeira vez de acordo co establecido na Lei 21/2021, do 28 de decembro, de Garantía do Poder Adquisitivo das Pensións e doutras Medidas de Reforzo da Sustentabilidade Financeira e Social do Sistema Público de Pensións, que entrou en vigor o 1 de xaneiro e que recupera o Índice de Prezos ao Consumo anual (IPC) como índice de revalorización. En concreto, o 2,5% do incremento aprobado para 2022 correspóndese coa inflación media dos últimos doce meses ata novembro de 2021. Pola súa banda, a paga compensatoria aprobouse porque a inflación, entre xaneiro e novembro de 2021, superou a proxección coa que se revalorizaron as pensións nese ano (proxectouse un 0,9% e a inflación foi do 2,5%).