Aprobada definitivamente a modificación puntual do proxecto sectorial do polígono da Laracha


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a resolución do Instituto Galego de Vivenda e Solo pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do proxecto sectorial do polígono industrial da Laracha.

Este cambio foi promovido polo Concello coa finalidade de alterar determinados aspectos do texto normativo para adaptalos ás novas necesidades que presentan as empresas e, así, facilitar a súa implantación na Laracha.

Entre as modificacións aprobadas están a mención expresa ao sector de investigación e desenvolvemento (I+D), que se inclúe dentro das actividades de uso industrial. Ademais, elimínanse os 600 metros cadrados de límite de superficie máxima en categoría 1ª, o que na práctica permitirá a agrupación de parcelas e, por tanto, a implantación de empresas que precisen de espazos máis amplos para a construción das súas instalacións. Tamén se aumentan as posibilidades de ampliación de usos industriais e comerciais e mellórase a ordenación ofrecendo como usos asociados o hostaleiro, oficinas e administración.

Así mesmo, foron adaptadas as alturas máximas permitidas ás necesidades actuais que requiren aos avances tecnolóxicos dos últimos anos, especialmente importantes para as naves destinadas a actividades de loxística e almacenaxe.

Ademais, o novo texto promove o uso de fontes de enerxía renovables e facilita a instalación de produtoras para o autoconsumo eléctrico.

A modificación puntual do proxecto sectorial do parque empresarial foi promovida polo Concello por considerala de interese público e xeral xa que terá unha incidencia positiva nas variables social e económica e tamén na medioambiental ao promover o aforro enerxético das firmas que se implanten no polígono.