Aprobada unha iniciativa do PP da Laracha para mellorar a estrada DP-1913

1 minutes read

O PP da Laracha emitiu un comunicado no que celebra a aprobación desta iniciativa proposta polo Grupo Provincial do Partido Popular, dado que as actuacións reclamadas son demandadas desde hai anos ante o volume de tráfico que presenta esa estrada.
A DP-1913 é a principal vía de acceso das parroquias de Coiro, Soandres e Erboedo (tamén discorre por Torás e Lestón), dirixe ó aeroporto de Alvedro, á Coruña pola terceira rolda, á A-6 e, ademais, soporta tráfico pesado ao servir de comunicación entre os parques empresariais da Laracha, Carballo, Ledoño e Cerceda.
Para o tramo urbano da DP-1913, a Avenida López Astray, desde o Concello da Laracha xa se presentara á Deputación un proxecto valorado en 1,3 millóns de euros para converter a céntrica rúa nun lugar máis accesible e no que se optimice o equilibrio entre os peóns e os vehículos.
Tralo acordo unánime do Pleno da Deputación, que é idéntico aos tomados no Pleno do concello, desde o Partido Popular da Laracha agardan que as actuacións se realicen á maior brevidade por tratarse de proxectos estratéxicos para a mobilidade no termo municipal.