- O Concello de Carballo retomou os plenos presenciais, e volverá a reunirse o 12 de abril en sesión extraordinaria por alegacións ao orzamento
A corporación municipal de Carballo aprobou este luns as primeiras bonificacións de impostos do ano para dúas empresas de nova instalación no polígono industrial de Bértoa. Unha delas está adicada á fabricación de produtos de panadaría e pastelaría, e a outra está especializada en produtos químicos. Ambas realizarán un investimento superior a 1 millón de euros. O acordo, adoptado por unanimidade, supón unha redución do 95% no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). A este importante aforro sumarase o 95% de bonificación durante os tres primeiros anos de actividade tanto no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) como no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE).
Por outra banda, na sesión tamén foron aprobadas por unanimidade as compatibilidades de dous docentes do Conservatorio Profesional de Música para compaxinar a súa actividade en Carballo e noutros centros de ensino musical.
O único asunto da orde do día que non saíu adiante foi a moción de Terra Galega na que solicitaba a anulación dun acordo adoptado no pleno anterior respecto dunha parcela no lugar da Rega, na parroquia de Bértoa. A proposta de TeGa non obtivo o respaldo de ningún dos outros grupos: BNG e PSOE votaron en contra e o PP abstívose.
A sesión deste luns foi a primeira celebrada presencialmente dende o mes de outubro do ano pasado, grazas á melloría da situación sanitaria. A corporación municipal volverá a reunirse o 12 de abril en sesión extraordinaria para resolver dúas alegacións presentadas ao orzamento.