O polígono industrial de Bértoa en Carballo goza dunha saúde pletórica, só entre os meses de xullo e agosto foron aprobadas 9 licenzas para a construción de naves, as dúas últimas na Xunta de Goberno Local celebrada este luns. Trátase, ademais, de dous proxectos importantes: unha nave para resgardar camións de bombeos, cun orzamento de execución material de case 244.000 euros, e outra para a fabricación, distribución e venda de produtos químicos, que custará preto de 287.000 euros.
De continuar a este ritmo baterase o récord acadado no ano 2017, con 24 licenzas. Ao mesmo tempo, aumenta a urxencia do desenvolvemento de máis solo industrial para dar resposta á gran demanda que rexistra o parque empresarial, que cada vez ofrece menos posibilidades para a instalación de grandes empresas debido ao reducido tamaño das parcelas. Das 24 parcelas dispoñibles, só hai unha de 13.000 metros cadrados, e a maioría teñen entre 2.000 e 4.000 metros, tal como figura na páxina web de Xestur, na que, ademais, infórmase de que a bonificación dos prezos estará vixente ata o vindeiro 30 de novembro.