O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade varios investimentos na rede provincial de estradas da Costa da Morte, que contribuirán a mellorar notablemente a seguridade do tráfico.
Por unha parte aprobou o proxecto para a mellora da seguridade viaria na DP-2303 en Bermún, no Concello de Cee, que conta cun investimento de 647,220,11 euros.
Por unha banda, a actuación inclúe a mellora dos itinerarios peonís, acondicionando as beirarrúas existentes e ampliándoas ata os dous metros. Ademais, renovarase o pavimento da senda de aglomerado existente e prolongarase esta cara o sur, ata o cruce coa estrada AC-552, e cara o norte, neste caso por ambas marxes da vía, construíndo dúas sendas de 2 metros de ancho ata a finalización do núcleo de Bermún, dotándose na marxe esquerda dunha banda de aparcamentos en liña.
En canto ao tráfico, construirase unha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 metros de diámetro interior para facilitar as diferentes manobras e provocar unha importante diminución da velocidade á que pasan os vehículos actualmente por esta zona poboada.
Por último, mellorarase a drenaxe do tramo que vai do PK 11+000 ao PK 11+200 coa instalación dunha cuneta de seguridade dotada de sumidoiros e tubaxe de pluviais para evitar a acumulación de auga na vía. As obras completaranse coa renovación da sinalización tanto vertical como horizontal.
Por outra banda, aprobouse tamén un investimento de 1.789.000 euros para a execución das obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento na estrada provincial DP 1901 Carballo-Sísamo, mentres que o Concello de Carballo financiará con 652.006 euros a dotación de servizos como saneamento e abastecemento de auga, instalación de mobiliario urbano e xardinería. A colaboración para esta obra articúlase a través dun convenio.
As obras de reurbanización parten do punto quilométrico 0+810 (final da segunda fase) no entronque co acceso ao instituto de Monteneme e continúan até o final da vía no lugar de Outeiro (PK 2+570), mellorando e completando as infraestruturas tanto no tramo máis urbano coma no rural e adaptando a vía á mobilidade urbana a un ou dous niveis, dependendo da zona.
As obras seguirán a mesa liña das fases anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas de baldosa hidráulica cun ancho medio de 1,40 metros e dotación de servizos urbanos como saneamento e abastecemento de auga e alumeado con luminarias de LED de aceiro inoxidable.