Aprobado, de xeito inicial, o plan especial das Casas dos Mestres en Carballo

1 minutes read
  • O obxectivo deste plan é a construción dun novo edificio que poida dar cabida ás entidades sociais que actúen en Carballo

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na sesión ordinaria deste luns, e de xeito inicial, o Plan especial de reforma interior (PERI) das antigas Casas dos Mestres, un documento imprescindible para poder acometer a construción dun edificio para as entidades sociais. O expediente será sometido a información pública por un prazo de dous meses, ao tempo que se enviará notificación individual ao único titular afectado, UFD Distribución Electricidad S.A., xa que será preciso cambiar a situación do centro de transformación existente, e tramitaranse as autorizacións sectoriais pertinentes ante as administracións estatal e autonómica.

Este plan especial está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de reordenar a estrutura urbanística e os volumes edificatorios dese ámbito, cambiando o uso residencial que tivo no seu momento por un novo uso dotacional de equipamento múltiple. «O obxectivo é a construción dun novo edificio que poida dar cabida ás entidades sociais que desenvolven a súa actividade no noso concello, facilitando e impulsando a atención ás necesidades da cidadanía», afirmou o rexedor, Evencio Ferrero.

A parcela ten unha superficie de 2.575 metros cadrados e, segundo a proposta inicial, o edificio social ocupará 1.164 metros cadrados. Tamén se reservan 1.012 metros para unha praza, 390 para a regularización do viario e 9 metros cadrados para situar o centro de transformación. Ademais, prevese a posibilidade de crear un aparcamento aproveitando o desnivel do terreo.