O proxecto de Lei polo Dereito á Vivenda foi aprobado definitivamente polo Pleno do Senado, polo que termina así a súa tramitación parlamentaria. Tras o seu trámite na Cámara Alta, o texto remitirase para a súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) nun prazo máximo de 15 días.
A nova Lei, que previamente foi aprobada no Congreso dos Deputados, é a primeira na historia da democracia que ten por obxecto desenvolver o dereito constitucional a unha vivenda digna e adecuada, así como asegurar e reforzar o quinto piar do Estado do Benestar. É unha das reformas recollidas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e un dos fitos acordados coa Comisión Europea para o desembolso dos fondos NextGenerationEU.
A norma ofrece instrumentos ás Administracións territoriais competentes para limitar o prezo dos alugueiros e aumentar a oferta de vivenda pública e privada a prezos asequibles, atendendo en particular a aquelas persoas e fogares que teñen máis dificultades de acceso e nos ámbitos nos que existe unha maior tensión no mercado.
Así, o obxectivo da Lei é dotar ás Comunidades Autónomas e municipios de ferramentas para contribuír a facilitar o acceso a unha vivenda digna. Entre outras cousas, a lei activa mecanismos para incentivar a oferta asequible, sobre todo para mozas e colectivos vulnerables; para evitar a vivenda baleira, de contención e baixada dos prezos do alugueiro en zonas declaradas tensionadas, e para incrementar o parque de vivenda en alugueiro social.