- A actuación consiste principalmente na renovación da cuberta e dos canlóns, e alcanzará os 40.000 euros de orzamento
No Concello da Laracha celebrouse este xoves a Xunta de Goberno Local, e na mesma aprobouse o convenio de colaboración entre a Administración local e a Secretaría Xeral para o Deporte grazas ao cal se financiará o proxecto de mellora do pavillón municipal.
A actuación consiste na renovación da cuberta e dos canlóns, incluíndo tamén o pintado dos muros tanto no exterior como no interior do polideportivo. O investimento alcanzará os 40.000 euros, dos cales 25.000 euros serán achegados pola Secretaría Xeral para o Deporte por medio dunha subvención nominativa. Os 15.000 euros restantes serán asumidos polo Concello con fondos propios municipais.
Na Xunta de Goberno tamén se acordou a adhesión do Concello ao convenio entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa asiática.
Ademais, autorizouse a solicitude de participación na convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral de Igualdade dirixidas a entidades locais para a promoción da igualdade. As axudas solicitadas polo Concello terían por destino o cofinanciamento do programa Harmoniza de axuda á conciliación –a través do que se prestan os servizos de aula lúdica e Madrugadores-, os gastos derivados do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e programas de promoción e difusión en materias da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e de prevención da violencia de xénero.