O Consello da Xunta deulle o visto e prace de forma definitiva este xoves ao novo decreto de “habitabilidade” co obxectivo de facilitar e permitir, en determinados supostos, que baixos comerciais abandonados ou sen actividade en contornas urbanas poidan renunciar ao seu uso orixinal para reconverterse en vivendas.
O presidente Alfonso Rueda e a vicepresidenta segunda e responsable de Vivenda da Xunta Ángeles Vázquez defenderon que esta norma adapta a realidade galega á situación actual e serve para “mellorar a calidade de vida dos galegos”.
Con todo, Rueda insistiu en que “non se trata de eliminar comercios e cambialos por vivenda”, senón que é unha fórmula de compatibilizar ambas as opcións.
Redúcense os requisitos, de forma que agora poderán ser convertidos en vivenda os baixos que teñan unha superficie útil mínima de 40 metros cadrados habitables e reduce a altura entre chan e teito a 2,5 metros.