- O Concello da Laracha investirá máis de 81.000 euros na adquisición destes terreos para ampliar tamén a rúa José Añón
Na Xunta de Goberno Local da Laracha, celebrada este xoves, foi aprobado con carácter inicial o expediente de expropiación dos terreos afectados pola segunda fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo. O Concello investirá 81.067,22 euros na adquisición de 13.761 metros cadrados de superficie repartidos en vinte e unha parcelas. Este acordo estará un mes en exposición pública antes de elevarse a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación.
Dispoñer destes terreos permitirá ao Concello aumentar a superficie vinculada ao CEIP Otero Pedrayo para equipamentos deportivos ou educativos, e ampliar a rúa José Añón co propósito de mellorar o acceso cara o colexio desde a estrada AC-552. Recentemente a Administración local rematou a expropiación dos terreos da primeira fase de ampliación dos equipamentos educativos deste mesmo colexio. Investíranse preto de 44.000 euros na compra das parcelas afectadas polo proxecto de ampliación da estrada entre Bos Aires a As Calzadas, valorado en 245.000 euros.
A Xunta de Goberno tamén acordou solicitar dúas convocatorias de axudas para a contratación de persoal impulsadas pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Unha delas é o programa de fomento do emprego no rural (Aprol Rural) a través do que se pretende incorporar tres peóns para formar unha cuadrilla para servizos de mantemento e valorización de zonas verdes. A outra solicitude vai dirixida á contratación de socorristas para o servizo de salvamento na praia de Caión durante a próxima temporada de verán.
Ademais, o Concello presentará á Consellería de Política Social o proxecto anual de servizos sociais municipais –valorado en 491.000 euros- para solicitar a achega económica para o seu cofinanciamento.