Aprobado o inicio da tramitación do polígono da Ran, en Cuntis

1 minutes read

O director xeral de “SEPES” (Entidade Estatal de Chan), en calidade de presidente da sociedade “Suelo Empresarial del Atlántico” (SEA), Lucrecio Fernández, o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades e o alcalde do Concello de Cuntis, Manuel Campos Velay, pecharon o acordo para o inicio da tramitación do futuro polígono empresarial e industrial da Ran.

Este trámite é o primeiro paso para o desenvolvemento desta área industrial, cuxo proxecto de sectorización se aprobou no 2013 e para o que se constatou que existe unha importante demanda empresarial.

A superficie contemplada no Plan de Sectorización para o futuro polígono é de 325.635 metros cadrados, dos que se destinarían a industria un total de 200.397 e a equipamentos 78.265. A execución do polígono realizaríase nunha soa etapa e a cifra prevista de investimento, que compartirán “SEA” e Consorcio da Zona Franca nun 50% cada entidade, ascenderá a un máximo de 3,5 millóns de euros.

Unha vez que se asine o convenio –seguinte paso administrativo-, fíxase un prazo máximo para o seu cumprimento de catro anos, nos que se terán que desenvolver os trámites pertinentes, correspondentes á redacción dos proxectos de expropiación, urbanización e reparcelamento.