Aprobado o novo Cadro Nacional de Atribución de Frecuencias do espectro radioeléctrico


O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital publicou o novo Cadro Nacional de Atribución de Frecuencias (CNAF), o marco regulatorio que establece o uso para o que está reservado cada unha das bandas de frecuencia nas que se divide o espectro radioeléctrico.

As modificacións propostas afectan as condicións de uso de diferentes bandas de frecuencia, entre as que destacan as condicións técnicas harmonizadas da banda de 26 Ghz para o seu uso polas redes de comunicacións electrónicas 5 G. A licitación da banda de 26 Ghz é unha das medidas incluídas na Folla de Roteiro 5 G do  Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, xa que se trata dunha das bandas prioritarias para o desenvolvemento desta tecnoloxía.

Tamén se actualizaron as condicións de uso das bandas de frecuencia para aplicacións relacionadas coa seguridade dos sistemas de transporte intelixente e información ao tráfico, aplicacións de bucle inductivo e aplicacións para implantes médicos.

Ademais, o CNAF recolle as necesidades da industria española, polo que se incluíu a habilitación de 20 MHz na banda de 2300-2400 MHz para redes de comunicacións móbiles de banda ancha en réxime de autoprestación. Isto permitirá ás empresas dispoñer de espectro para aplicacións propias, entre as que se atopan as aplicacións industriais. Destes 20 MHz, 10 MHz serán de uso preferente para redes de servizos públicos de distribución de electricidade, gas ou auga.

Nesta ocasión publícase unha nova versión completa do CNAF e non modificacións puntuais, xa que se inclúen as disposicións correspondentes aos acordos adoptados na última Conferencia Mundial de Radiocomunicacións da Unión Internacional de Telecomunicacións; incorpóranse Decisións de Execución da Comisión Europea e Decisións da Conferencia Europea Postal e de Telecomunicacións, relativas ao espectro radioeléctrico; e actualízanse algunhas notas de utilización nacional, nos termos e condicións técnicas resultantes dos procesos de harmonización no ámbito da Unión Europea.