Aprobado o novo proxecto de beirarrúas en A Patiña (Cambre)

A Deputación da Coruña mellorará a seguridade peonil na estrada DP1704 de Cambre e Carral. O pleno da institución celebrado este mércoresdeu luz verde por unanimidade ao novo proxecto de construción de sendas, que xa non incluirá zona de aparcamento nin muro de contención e ampliará o tramo de actuación . As obras contan cun orzamento próximo aos cen mil euros, dos que 4.255 € se destinan a expropiacións.

A actuación permitirá mellorar o estado desta vía provincial entre o PK 0,5 e o PK 0,7, unha zona que nestes momentos ten mala visibilidade e non conta cun paso destinado aos peóns que transitan o lugar.

O proxecto porá fin a esta situación a través da creación de sendas peonís nos tramos que carecen delas co obxectivo de que as persoas que circulen polo lugar poidan facelo por ambas marxes da estrada con total seguridade. A zona afectada está comprendida entre as beirarrúas existentes que conectan co núcleo de Cambre e as sendas que conectan co río Mero.

Para que estas construcións poidan levarse a cabo será preciso demoler a edificación sita na marxe dereita que actualmente dificulta a visibilidade nesta estrada e fai que os peóns teñan que invadir a calzada para poder continuar o seu camiño. Deste xeito, ampliarase a sección actual da vía para construír a senda.

Ademais, a plataforma verá mellorada a súa sinalización horizontal, mellorando así a alerta a condutores e condutoras do paso polo núcleo de casas existentes a carón do río Mero e do cruce de sendas que conectan a ría do Burgo co encoro de Cecebre.

O prazo de execución estimado para estas obras é de 4 meses.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha