Aprobado o orzamento do Concello de Carballo cos votos favorables do BNG

2 minutes read

A corporación municipal aprobou no último pleno deste ano o orzamento do Concello de Carballo para o 2023, que acada os 30.235.979,84 euros. A proposta económica foi apoiada polos 12 concelleiros/as do BNG, mentres que o PSOE abstívose e tanto o PP coma TeGa votaron en contra. O documento terá que someterse agora a información pública para que a aprobación sexa definitiva e poida entrar en vigor.

O debate do orzamento centrou boa parte da hora e media que durou o pleno. A acta da sesión anterior foi aprobada coa abstención de TeGa. Este partido e o PP tamén se abstiveron con respecto ao cadro de persoal do Concello de Carballo para o ano que vén, e volveron a facelo, xunto co PSOE, en relación co pago de facturas pendentes de exercicios anteriores.

Na sesión tamén houbo propostas que saíron adiante por unanimidade. A primeira foi a aprobación provisión da modificación puntual número 7 do PXOM, que afecta ás aliñacións nos lugares de Quintela e A Barreira. A segunda, o convenio coa Deputación da Coruña para acometer a última fase das obras de urbanización da travesía de Sísamo. O acordo foi acollido con aplausos polos veciños e veciñas desa parroquia presentes no salón de plenos.

O convenio, aprobado tamén pola Deputación a semana pasada, suporá un investimento de 2,4 millóns de euros para actuar dende o punto quilométrico 0,8 ata o 2,5. O organismo provincial financiará as obras de pavimentación e construción de beirarrúas e zonas de aparcamento, con 1.789.000 euros, e o Concello de Carballo asume a dotación de servizos de auga e saneamento, a xardinería e a instalación de mobiliario urbano, por 652.006 euros.

TeGa

Terra Galega votou en contra dos orzamentos, segundo afirmou o voceiro Andrés Eirís son “continuistas e sen ambición”. Tamén critican que as contas son “pouco realistas” cun remanente de 12.904.582 euros. “Isto o que demostra é unha pésima xestión, pois o mínimo que se lle pide a un grupo de goberno e que os gastos e ingresos estén o máis igualados posible, o remanente e síntoma de mala xestión. Isto non é unha foto, o ano pasado foi moi parecido e neste 2022 ata o 30 de setembro hai 19.269.806,93 € de remanente” declarou Eirís. Tamén lamentou que “pese o incremento do orzamento do 2023 nun 8,53 % baixan os gastos en servizos sociais, deporte, educación e medio ambiente”.