Despois de algo máis dunha hora de debate, a corporación municipal deu o visto bo ao proxecto económico, que acada os 27.860.737,25 euros e que foi defendido pola concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, e polo alcalde, Evencio Ferrero. O voto a favor do BNG e a abstención do PSOE foron máis que suficientes para sacalo adiante, malia os posicionamentos en contra tanto de TeGa coma do PP. Este último grupo contou con só tres representantes no salón de sesións debido á ausencia de Paula Nogueira, que foi substituída no labor de portavoz por Rubén Lorenzo.
Por unanimidade saíron adiante tamén os dous puntos seguintes: a prórroga do convenio coa Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a convocatoria e o desenvolvemento dos procesos selectivos de persoal para a Policía Local e a solicitude de compatibilidade presentada por unha profesora do Conservatorio Profesional de Música (CMUS).
Outra das propostas máis relevantes abordadas pola corporación municipal foi o contrato do servizo de axuda no fogar para os vindeiros catro anos, que permitirá cubrir fins de semana, festivos, permisos e as horas ordinarias nas que resulta insuficiente o equipo de persoal propio, integrado por 13 persoas. O orzamento supera os 8 millóns de euros, e precisamente é esa cifra tan alta a que obrigou a realizar a aprobación en pleno. Os tres grupos da oposición abstivéronse.