Aprobado o Plan Básico Municipal de Trabada

1 minutes read

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que participou no acto de sinatura da aprobación definitiva, sinalou que a tramitación dos primeiros Plans Básicos Municipais enmárcase no esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo sostible e responsable e na protección da súa paisaxe.

Ademais, Ángeles Vázquez incidiu en que a tramitación dos plans básicos municipais é moito máis áxil que a dos plans xerais de ordenación municipal. O prazo entre a aprobación inicial do PBM de Trabada –marzo 2021- e a definitiva -agosto2022- foi de menos de ano e medio, unha terceira parte do tempo necesario para levar a cabo un PXOM.

Neste caso concreto, este PBM clasifica como solo urbano consolidado os ámbitos de Trabada e Pedrido, e delimita 52 núcleos rurais -41 tradicionais, 1 común e 10 que combinan partes tradicionais e comúns-. Ademais, este plan non só recolle as dotacións existentes no termo municipal, senón que tamén identifica e cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural do municipio. A maiores incluíronse aqueles recollidos en catálogos doutras figuras de planeamento, concretamente nun expediente de delimitación de núcleo rural, o da Fórnea.