Aprobado o POS+2022 en Carballo

2 minutes read
  • A sesión plenaria comezou cun minuto de silencio polo falecemento do exconcelleiro socialista Pedro Luis Fernández Pombo

O primeiro pleno ordinario deste ano en Carballo comezou cun minuto de silencio polo exconcelleiro Pedro Luis Fernández Pombo, cuxo falecemento o pasado venres causou gran malestar en toda a localidade xa que foi un «activo dinamizador social e cultural do noso concello», lembrou o alcalde, Evencio Ferrero. Un xesto que agradeceron dende as filas socialistas e que marcou o inicio dunha sesión especialmente tranquila e rápida.

Os dous primeiros acordos foron os relativos ao Plan Único da Deputación da Coruña para, por unha banda, aprobar as infraestruturas que se executarán este ano, coas abstencións de PP e TeGa, e por outra para facer o propio cos investimentos en gasto social, neste caso por unanimidade.

Entre as actuacións atópase o aglomerado da vía de As Labradas a A Ponte de Bértoa, ao que se destinarán 142.639,07 euros; así como a mellora da iluminación no complexo deportivo As Eiroas cun investimento de 287.212,84 euros.

Cos fondos do POS+ complementario levaranse a cabo diferentes intervencións:

• Aglomerado da vía As Torres (Oza) – Cances Grande (Cances): 340.954,41 euros
• Aglomerado da vía Bolón (Sofán) – Vilar de Francos (Artes): 255.140,47 euros
• Rede de abastecemento potable á zona baixa de Sofán: 700.171,12 euros
• Rede de abastecemento de auga dende A Canosa (Rus) ata Entrecruces: 537.479,31 euros

A maiores destinaranse 560.654,83 euros a gasto corrente e 196.229,20 para reforzar o SAF.

Con tres abstencións e seis votos en contra foi aprobado de xeito definitivo o orzamento municipal para este ano, tras a desestimación da única alegación presentada.

Outros asuntos

Tamén saíu adiante, neste caso coas únicas abstencións dos dous edís de Terra Galega, unha moción do PSOE en apoio do sector gandeiro.

Fóra da orde do día, coas abstencións de todos os grupos da oposición, aprobouse a solicitude de compatibilidade presentada por un traballador municipal.