Aprobado o primeiro PXOM de Castrelo de Miño

1 minutes read

A Xunta de Galicia aprobou este venres o primeiro Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do concello de Castrelo de Miño, un documento que está chamado a guiar o desenvolvemento urbanístico do municipio ourensán durante os vindeiros 16 anos e que substituirá ás Normas subsidiarias de 1985 polas que se rexía ata o momento.

Entre os obxectivos principais do novo PXOM está en especial, a loita contra o despoboamento co obxectivo de fixar poboación no municipio. Así, prevese a posta en marcha de medidas para fomentar a ocupación de inmobles xa construídos e que actualmente están baleiros, así como a dotación de novas vivendas protexidas —en réxime de venda ou de alugueiro— a través da delimitación de solo urbanizable residencial nos núcleos de Astariz e Barral.

Nun acto no que estivo presente a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o alcalde Avelino Pazos asegurou que “hoxe é un día grande para o concello e para todos os veciños e veciñas de Castrelo de Miño”, xa que o municipio se dota despois de 17 anos de traballo dunha ferramenta de ordenación que resulta “imprescindible hoxe en día”. “O que precisamos é asentar poboación ante a caída demográfica. E ordenando o territorio e creando emprego imos logralo”, dixo.