Aprobado o primeiro PXOM de Fisterra

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou este luns a orde de aprobación definitiva do PXOM de Fisterra, un paso co que se pon fin a case 19 anos de tramitación e traballo técnico para sacar adiante o que será o primeiro plan xeral deste municipio coruñés. Trátase, tal e como subliñou a conselleira, dun documento completo e adaptado á normativa urbanística vixente en Galicia, que virá substituír ás normas subsidiarias de planeamento aprobadas en 1996 co fin de garantir un desenvolvemento serio e ordenado do municipio.

Tras asinar a aprobación do novo PXOM xunto ao alcalde, José Marcote, a responsable galega en materia de urbanismo subliñou a importancia do paso dado hoxe para o Concello de Fisterra, xa que o PXOM lle dará un novo marco legal que marcará a evolución do municipio ata o ano 2031, outorgándolle seguridade xurídica desde o punto de vista urbanístico e coherencia coa realidade do seu territorio, cunha superficie de case 30 quilómetros cadrados e unha poboación de 4.700 persoas.

Así e tendo en conta que o 92% do termo municipal está catalogado como solo rústico, Ángeles Vázquez citou entre os principais obxectivos do plan a conservación dos actuais núcleos rurais de poboación, respectando o crecemento que se foi producindo nas contornas das zonas tradicionais; e a preservación dos valores naturais, culturais e patrimoniais que distinguen a este concello, protexéndoos particularmente daqueles usos que poidan degradar, sobre todo, os seus espazos naturais e paisaxísticos.

En sintonía co obxectivo anterior, o novo documento aspira a ser unha ferramenta útil para frear a dispersión edificatoria e consolidar ás áreas xa construídas e os núcleos de poboación existentes. Deste xeito, o PXOM pretende fomentar o desenvolvemento arredor das áreas xa consolidadas, sempre cun criterio realista e acorde coas previsións de crecemento de Fisterra. O que se busca deste xeito, explicou a conselleira, é “favorecer un crecemento harmónico e evitar desenvolvementos anárquicos e dispersos”.

Estes obxectivos complementaranse a nivel urbano coa conservación do patrimonio xa construído, de xeito que se aposta pola rehabilitación e a recuperación de espazos urbanos relevantes, de elementos arquitectónicos singulares e das tramas tradicionais existentes no casco histórico. Así mesmo, tamén se prevé completar as estruturas urbanas de Sardiñeiro e A Anchoa, cuxo crecemento deu lugar á formación de bolsas de solo vacante.

Grazas á súa nova ordenación urbanística, o concello tamén aspira a resolver algunhas carencias desde o punto de vista dotacional. Para iso, prevé que en todas as zonas de novo desenvolvemento urbanístico deberanse reservar espazos destinados a zona verde, equipamentos, aparcadoiros e demais servizos públicos. Por último, en materia residencial, o PXOM prevé un crecemento máximo durante os próximos anos de 1.531 vivendas novas.

Por todo isto, a conselleira de Medio Ambiente quixo poñer en valor o traballo, implicación e recursos mobilizados nas case dúas décadas durante as que se prolongou a tramitación deste plan, o primeiro co que conta o municipio. Neste sentido, tamén se referiu á contribución realizada pola Xunta, cunha achega de 111.125 euros para redactar o PXOM, e que traballa “man a man” cos concellos para impulsar un urbanismo responsable en Galicia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha