Aprobado o proxecto da estación de autobuses da intermodal da Coruña

1 minutes read
Intervención ao respecto do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O Consello da Xunta, aprobou o proxecto da estación de autobuses integrada na intermodal da Coruña, que suporá un investimento total de 27,4 millóns de euros: 17,4 millóns que achegará o ente autonómico para a terminal de autobuses; e 10 millóns que financiará o Concello da Coruña para a execución dun aparcadoiro subterráneo, que explotará comercialmente durante 20 anos.

Con esta aprobación culmina a tramitación urbanística do proxecto, que permitiu a redución dos prazos dunha obra que levará aparellados 500 postos de traballo durante a súa execución material. A Xunta estará en disposición de concluír o proxecto construtivo no mes de marzo e de licitar as obras no mes de abril, para o que é preciso que se cumpran tres requisitos.

O primeiro requisito é que o Adif asine o convenio marco de colaboración coa Xunta e co Concello para concretar cales son as obras que vai realizar no apartado ferroviario, valoradas en 48,5 millóns de euros. Como segundo requisito, que se debe concretar co Concello da Coruña os termos da execución e do financiamento do aparcadoiro subterráneo situado baixo a estación de autobuses. O terceiro requisito é que o Adif concrete, na redacción do proxecto, os elementos comúns para que a estación intermodal opere, desde o punto de vista de accesos, tanto na parte ferroviaria como na de autobuses.