A estación de autobuses da intermodal da Coruña desenvolverase en paralelo á avenida da Sardiñeira e á traza ferroviaria, sobre unha parcela de 21.000 metros cadrados e estará dividida en dous niveis: no superior situarase a estación propiamente dita, co edificio de viaxeiros e a zona de dársenas, ademais da pasarela peonil de comunicación coa avenida do ferrocarril; e no inferior, a cota variable, situaranse o aparcadoiro, a zona de comunicación peonil coa estación e as dársenas de regulación.
Dese xeito, o acceso peonil ao novo edificio da estación de autobuses poderá realizarse desde a avenida da Sardiñeira, a través da pasarela peonil de conexión coa avenida do Ferrocarril, ou desde a propia estación de tren e o aparcadoiro.
Os autobuses, pola súa banda, accederán por un ramal da glorieta que se prevé construír na avenida da Sardiñeira, desde a cal poderán dirixirse tanto á zona das dársenas como ao aparcadoiro de regulación, no suroeste da parcela.
Para o resto de vehículos, o acceso ao aparcadoiro realizarase desde a futura glorieta da Sardiñeira ou ben desde a glorieta da avenida do Ferrocarril, a través do túnel que se prevé executar baixo a estación de San Cristóbal.
O edificio da estación terá 2.500 metros cadrados, distribuídos en tres andares. O andar máis alto será de acceso restrinxido ao persoal autorizado e acollerá as instalacións e os cuartos técnicos. No andar baixo, desde o vestíbulo accederase a unha zona de circulación e espera, cun desenvolvemento lonxitudinal arredor do cal se disporán a cafetería, as taquillas, aseos, sala de seguridade, facturación, ademais doutras oficinas privadas.
Desde o vestíbulo do andar baixo accederase, a través das escaleiras mecánicas ou o ascensor, ao vestíbulo que conecta coa estación de tren, situada á mesma cota que o andar -1 do aparcadoiro.
A zona de dársenas estará á cota do andar baixo do edificio, de forma que serán os autobuses e non os viaxeiros a pé os que circulen baixo a terminal para entrar e saír. A estación contará con 20 dársenas de operación e unha zona de regulación no aparcadoiro, con máis de 20 prazas.
O aparcadoiro de turismos dispón de 325 prazas de estacionamento, máis 44 para vehículos de alugueiro, das cales unha porcentaxe se reservará para persoas con mobilidade reducida, para familias e embarazadas e para coches de carga eléctrica. Así mesmo, proxéctase habilitar prazas para motocicletas.
A execución destas obras enmárcase no convenio entre a Xunta, que acaba de aprobar o proxecto, o Concello da Coruña e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través de Adif, para a execución da terminal de autobuses, o aparcadoiro de turismos e os elementos comúns para a construción do complexo intermodal da Coruña.