Aprobado o proxecto de construción de 50 vivendas de promoción pública en Xuxán

1 minutes read

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou o proxecto de execución dun novo edificio de 50 vivendas de promoción pública no barrio de Xuxán, inmoble que tamén disporá de locais comerciais e sotos con garaxes.

Esta iniciativa, incluída nos Orzamentos 2024, abre camiño a unha das principais liñas estratéxicas marcadas pola rexedora neste mandato: a de impulsar o parque de vivenda pública na cidade da Coruña. «Non é unha competencia propia, mais cos nosos recursos tentaremos paliar a ausencia de investimentos suficientes por parte de quen si ten esas competencias e non inviste na cidade», recalcou Inés Rey.

Este novo edificio de vivendas públicas no barrio de Xuxán construirase na parcela Z-37, un soar de titularidade municipal que está situado entre as rúas Longarela e Cernadas. O solar en cuestión ten unha superficie de 1.600 metros cadrados e unha edificabilidade total de case 7.000 metros cadrados. «Cómpre lembrar que a parcela en si xa conta con servizos urbanísticos como os de abastecemento de auga potable, evacuación de augas residuais á rede separativa de saneamento e subministracións de enerxía eléctrica, factores de relevancia, porque isto acurta o camiño cara ao acceso final ás vivendas», indicou a alcaldesa.