Aprobado o proxecto de demolición da actual estación de autobuses de Santiago

1 minutes read

Faise co fin de licitar as obras o vindeiro mes de marzo e comezalas no verán, cun investimento de case 1,5 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé que a demolición da actual terminal de autobuses, cuxo proxecto foi redactado por IDOM Consulting, Engineering, Architecture, S.A.U, estea rematada a finais deste mesmo ano.

A actual terminal será demolida integramente e en orde inversa á que corresponde á construción dunha obra nova, procedendo desde arriba cara abaixo. Así a demolición comezará co volume que contén ás dársenas de autobuses e proseguirá polo volume da terminal de pasaxeiros.

Dado o desnivel coa praza de Camilo Díaz Baliño, manteranse os muros de contención de terras e, en caso de ser necesario, adoptaranse as medidas oportunas para a consolidación dos elementos estruturais mediante o apuntalamento dos muros.

A maquinaria que se utilizará será unha cizalla demoledora mixta para o corte de formigón e o aceiro, unha retroescavadora con martelo-picador e pala cargadora, un camión grúa e ferramentas manuais.

Unha vez executados os traballos de demolición, avanzarase na execución do novo edificio administrativo de San Caetano.

O proxecto tamén prevé a disposición dunha zona de dársenas para a parada de autobuses co obxectivo de facilitar a mobilidade dos empregados públicos. Esta parada efectuarase na Avenida de Rodríguez de Viguri, fronte á actual estación.