Aprobado o proxecto de expropiación das fincas da carballeira de San Fins, na Laracha

Ayuntamiento de A Laracha

  • O Concello destinará a esta compra case 73.000 euros procedentes de fondos municipais

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local da Laracha aprobouse, de forma definitiva, o proxecto de expropiación das fincas que albergan a carballeira de San Fins, na parroquia de Montemaior. Isto realizouse unha vez superado o período de información pública ao que estivo sometido o documento durante un mes sen que se presentaran alegacións.

O proxecto delimita o ámbito territorial en canto a situación xeográfica, superficie e lindes, con descrición dos bens e dereitos afectados e a relación das persoas titulares dos terreos. O Concello destinará 72.620,81 euros de fondos propios para adquirir unha superficie de 21.716 metros cadrados, repartidos en doce parcelas catastrais clasificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección natural polo sistema de espazos libres.

Unha vez completado o procedemento de compra dos terreos, o Concello ten proxectadas unha serie de actuacións dirixidas a poñelos en valor econatural e evitar o deterioro da carballeira de San Fins. Os obxectivos últimos céntranse na conservación do patrimonio natural municipal a través da creación dun espazo que presente oportunidades didácticas e de investigación de árbores autóctonas, ademais de habilitar unha nova área de ocio para os veciños e para aumentar o potencial turístico do municipio.