A Xunta de Goberno Local aprobou este luns de maneira definitiva o proxecto de expropiación de terreos para a ampliación do cemiterio municipal, que afecta a unha área de 4.245 metros cadrados de solo rústico de especial protección reservado no PXOM para equipamentos, precisamente para esta finalidade.
A ampliación do cemiterio afecta a dúas parcelas. Segundo a proposta aprobada hoxe, o prezo de taxación queda fixado en 4,33 euros por metro cadrado para a finca de maior tamaño, que ten un total de 3.265 metros cadrados. Na outra, de 980 metros cadrados, o prezo proposto é de 7,05 euros por metro cadrado por ter unha plantación de árbores. A valoración total da expropiación, polo tanto, é de 26.554,34 euros.
O expediente estivo exposto durante un mes, no que se presentou unha alegación que foi desestimada. Agora, a partir da aprobación definitiva abrirase un novo prazo de 20 días para formular oposición.