Aprobado o proxecto do eixe de mobilidade sostible entre a intermodal de Ourense e a Ponte Vella


O proxecto correspóndese co acondicionamento da avenida das Caldas, de titularidade autonómica, de modo que queden unidas a estación intermodal e a Ponte Vella de Ourense, actuando nun treito de 460 metros.

Coa obra que se vai executar reordenarase completamente a sección da avenida das Caldas, humanizándoa, e permitindo a implantación de beirarrúas máis amplas e un carril bici. Para isto, será preciso diminuír o espazo para os vehículos, que quedará reducido a un carril de circulación, e aparcadoiro e zonas de servizo onde sexa posible e necesario.

As beirarrúas ampliaranse e renovaranse, buscando onde sexa posible un ancho mínimo libre para tránsito de peóns de 2 metros na marxe dereita en sentido de baixada, e de entre 3 e 5 metros na marxe esquerda, que coincide, ademais, parcialmente co Camiño de Santiago.

O pavimento terá dous acabados en función do treito, ou ben en lousa de pedra morena, ou ben en formigón lavado con árido visto.

O sentido de circulación dos vehículos será de baixada, cun carril de 3,5 metros de ancho, e contará na marxe dereita con aparcadoiro, zonas de carga e descarga, parada de autobús e espazo para colectores de lixo.

Ademais, incorporase unha franxa axardinada e arborado naqueles treitos nos que sexa posible.