Aprobados os documentos de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios do porto de Caión

Portos de Galicia ven de aprobar os documentos de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), o tamén chamado Plan de Usos, do porto de Caión. O Consello rector do ente público ratificou na súa última reunión dito plan que permiten unha mellor planificación e explotación do solo portuario.

O DEUP recolle o ordenamento do solo e a distribución das actividades que se desenvolven no dominio público portuario. Deste xeito, define os usos e actividades que se desenvolven de feito en cada caso e zonifica o solo portuario para o desenvolvemento futuro das distintas actividades que conviven nos peiraos.

A Delimitación de Espazos e Usos Portuarios é unha actuación encamiñada a mellorar a relación entre os portos e as vilas que os acollen, unha das liñas de traballo permanente de Portos de Galicia, que a día de hoxe ten aprobado máis de medio centenar de plans para preto de setenta portos autonómicos.

Deste xeito, o ente público avanza na cohesión entre o tecido urbano e as infraestruturas portuarias, de modo que poidan beneficiar non só aos usuarios directos, senón tamén ao conxunto da cidadanía. Así mesmo, establece unha planificación e zonificación das diferentes actividades que conviven no peirao, a medio e longo prazo.

A aprobación dos DEUP é o resultado dun procedemento administrativo con numerosos trámites nos que interveñen as administracións locais, a Xunta e o Goberno central. Portos de Galicia é o encargado da redacción do documento que se somete a información pública no DOG durante 2 meses. En paralelo solicítase informe ao Concello, diversas Consellerías da Xunta e Dirección Xeral de Costas, do Ministerio de Transición Ecolóxica. Unha vez recollidas, no seu caso, as alegacións, incorpóranse as aceptadas e dase unha resposta argumentada ás rexeitadas. Finalmente, o documento elévase ao Consello Reitor de Portos de Galicia para a súa aprobación.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha