Aprobado por unanimidade o Plan de Obras de Muxía

Cedida.

Volveu a reinar a paz na corporación municipal de Muxía, este venres aprobouse, por unanimidade, nun pleno extraordinario o plan, denominado ‘Máis Rural’, que implica un investimento de 1,3 millóns de euros e contempla importantes actuacións no rural de melloras da rede viaria e tamén de drenaxe e abastecemento de auga.

O alcalde, Iago Toba, agradeceu o que calificou que “por fin, a oposición abandone a súa estratexia de bloqueo e se dedique a actuar en beneficio dos veciños e veciñas de Muxía”. De tódolos xeitos amosou as súas dúbidas ante este xiro de timón xa que “costa entender por que, estando baixo o mesmo contexto que nos últimos tres anos e actuando nós sempre do mesmo xeito, agora si votan a favor e antes non o facían”. “De tódolos xeitos, agradezo este cambio de rumbo, nunca é tarde”, afirmou o rexedor.

Toba califica este plan como “histórico” e sinala que está pensado para “mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas do rural muxián, sobre todo daquelas persoas que habitan nos núcleos máis pequenos e que precisan de mellores infraestruturas”.