Aprobado provisionalmente o proxecto de prolongación da Rolda Leste de Lugo


A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, aprobou provisionalmente o proxecto de trazado de prolongación da Rolda Leste de Lugo desde a súa finalización actual na LU-530 ata a estrada estatal N-VI. Trátase de completar a Rolda Leste, unha infraestrutura xa parcialmente executada, que discorre integramente no termo municipal de Lugo, configurando un anel de circunvalación da cidade conxuntamente coa N-640 e a N-VI, ambas as dúas vías estatais. Esta nova intervención suporá un investimento de 19,6M€, incluídos os 18,9 M€ de obras e os 492.000 € estimados para as expropiacións, ademais da reposición de servizos afectados e o seguimento arqueolóxico e ambiental. O proxecto ten como obxectivo darlle continuidade ata a N-VI ao treito de 2,41 km de lonxitude xa en servizo, con sección de autovía, e que discorre entre a N-640 e a LU-530. No trazado proxectado inclúese un paso inferior para salvar o cruzamento coa liña do ferrocarril Madrid-A Coruña. Finalmente, prevese un viaduto dobre de 120 metros de lonxitude sobre a canle e o parque do río Fervedoira, que cruza, ademais, sobre a estrada LU-2925.