Aprobado un investimento para a mellora integral da travesía de Bembibre, en Val do Dubra

Cun orzamento de 1.104.878 euros, o proxecto contempla unha mellora integral da travesía, centrada fundamentalmente na seguridade dos peóns mediante o incremento do espazo destinado ao seu tránsito e a reordenación das prazas de aparcamento, co obxectivo de reducir riscos e favorecer unha circulación máis segura.

O alcalde, Diego Luís Díaz, agradeceu o compromiso da Deputación da Coruña co proxecto, así como as facilidades dadas para incorporar melloras no mesmo, concretamente a renovación dos servizos afectados polas obras, saneamento e abastecemento de augas.

O proxecto contempla a execución dunha nova rotonda na intersección das rúas Dubra e Muíños, resolta mediante colocación de adoquín con dobre capa de formigón, o que permitirá mellorar a funcionalidade e a seguridade deste punto de encontro.

As obras inclúen o fresado e a reposición das capas de rodadura mediante a execución dunha nova capa de formigón, así como a demolición das beirarrúas, actualmente moi deterioradas, para a súa posterior reconstrución. As novas beirarrúas disporanse a distintas cotas, coas zonas peonís rematadas cun acabado desbastado que mellorará a adherencia. Antes da execución das novas plataformas, realizarase a nivelación do terreo cunha base de zahorra.

No que respecta á ordenación da calzada, manteranse os carrís actuais de 3,20 metros de ancho, con beiravías de 30 centímetros, mentres que as bandas de aparcamento terán unha anchura de 2,30 metros. Ademais, o proxecto contempla a execución dunha nova rede de alumeado público unilateral, a reposición da rede de recollida de augas pluviais, adaptándoa á nova distribución da calzada, e a renovación das redes de abastecemento e saneamento afectadas pola execución das obras.

Por último, a actuación proposta contempla tamén a renovación da sinalización horizontal e vertical, o remate e limpeza das obras e a conexión a redes existentes e adaptacións precisas.

Related posts

Malpica mellorará a capa de rodadura e recollida de pluviais no camiño do núcleo de Filgueira, en Cerqueda

O Concello de Ponteceso reforza a seguridade viaria entre Cores e Santa Cruz

A Laracha está presente na terceira edición do Festival das Artes de Les Sables d’Olonne