Aprobados os domingos e festivos nos que poderán abrir as grandes superficies comerciais en 2022

1 minutes read

Logo da consulta previa ás principais organizacións do sector, ao Consello Galego de Consumidores e Usuarios e ao Consello Galego de Cámaras, os días de apertura, que tal e como marca a normativa son dez cada ano, repártense do seguinte xeito: os dous primeiros domingos do ano (2 e 9 de xaneiro); o Xoves Santo (14 de abril); os domingos 26 de xuño, 27 de novembro e 4 de decembro; o martes 6 de decembro, día da Constitución, e o xoves 8, día da Inmaculada Concepción; e os domingos 11 e 18 de decembro.

Calquera concello que o estime oportuno poderá solicitar ata o próximo 15 de novembro a modificación de ata dúas datas para o seu termo municipal para adaptalo aos festivos locais ou atendendo a calquera outra circunstancia motivada.

Cómpre sinalar que estes domingos e festivos non son de aplicación para o pequeno comercio, xa que, con carácter xeral, poden decidir libremente o seu horario e días de apertura os establecementos de ata 300 metros cadrados, coa excepción dos que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa.