Aprobados os orzamentos galegos para 2022


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou este luns trala reunión do Consello Extraordinario da Xunta os Orzamentos de 2022, os máis altos da historia, dixo, para pasar á reactivación e á recuperación, cos maiores recursos para o gasto social e o emprego e con novas rebaixas fiscais.
Logo de incidir en que estes Orzamentos se aproban “en tempo e forma” para que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2022, Feijóo aseverou que “aprobamos hoxe unhas contas que se porán ao servizo dunha nova fase económica marcada pola superación da crise sanitaria e coa intención de pasar da reactivación á recuperación económica”.

Máis investimento, menos débeda e menos impostos. Este é o modelo dos presupostos do 2022, que é o que a Xunta vén aplicando nos útimos anos, defende Feijóo. Ascenden a 11.627 millóns de euros, os máis altos da historia. Deles, máis do 70 % son para sanidade, educación, política social e emprego; para investimentos irán 2.500 millóns, coma este ano, e o único capítulo que baixa é de xuros de débeda pública. As contas prevén un crecemento do PIB este ano e o que vén do 6 % e que a taxa de paro baixe ao 11,7 %. Neses presupostos estaba traballando Valeriano Martínez cando faleceu. Uns presupostos que fixo man a man con quen hoxe o susbstitúe no cargo, Miguel Corgos.