Aragonès convoca as eleccións de Cataluña para o 12 de maio

O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, convocou as eleccións de Cataluña para o 12 de maio ante o rexeitamento dos Orzamentos de 2024 no Parlament. Tras convocar unha reunión extraordinaria do seu Govern, compareceu desde o Palau da Generalitat para anunciar o adianto electoral e criticar «a irresponsabilidade» dos grupos parlamentarios ao bloquear as contas «máis expansivas» da lexislatura. Aragonès situou aos socialistas como o seu principal rival ao expor que os cataláns, nos comicios de maio, terán que escoller entre “unha visión conformista con dependencia do Goberno do Estado e que dá solucións antigas a problemas novos” e a papeleta dos republicanos “que miran ao futuro con ambición”.

Os orzamentos foron rexeitados polos 68 votos de Junts, Vox, Ciudadanos, PP e os comuns, que se mantiveron no seu ‘non’. O president cargou con contundencia contra os comuns e Junts, aos que acusou de “irresponsabilidade” por rexeitar as contas. “As liñas vermellas e os vetos cruzados non se puxeron contra o Govern, senón contra os cidadáns de Catalunya e os servizos públicos do país”, sentenciou. Ata o de agora, o Executivo catalán evitara confirmar ou descartar a convocatoria, unha ambigüidade sensiblemente distinta á posición que mantiña o propio ‘president’, que descartara reiteradamente a idea dunhas eleccións anticipadas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha