Arangüena esixe “asumir responsabilidades” derivadas dos casos de corrupción do PP


O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de esixir ao PP de Galicia que “asuma responsabilidades políticas” derivadas dos casos de corrupción do PP. Fíxoo no Pleno do Parlamento no marco do debate da creación da comisión de investigación sobre as conexións do PPdeG co financiamento ilegad do PP a nivel estatal e no mesmo día no que o Grupo Socialista levará a Pleno unha moción sobre este asunto. O vicevoceiro socialista subliñou en que “na recente investigación do caso Kitchen sobre a espionaxe e roubo de documentación a Bárcenas, a única contabilidade que aparece citada como tal é xustamente a do PP de Galicia”. Arangüena considera que a creación dunha comisión de investigación “está máis que xustificada” cando a primeira sentencia do caso Gürtel fala dun “auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional”. Ademais criticou a “compracencia coa corrupción” de Feijóo e Rueda cando “a corrupción é tan normal no seu partido que parece que nin paga a pena falar dela”. Por último, Arangüena urxiu ao presidente da Xunta a “disipar as moito máis que fundadas sospeitas que pesan, precisamente, sobre o goberno que ten que contribuír a xestionar a maior riada de fondos europeos que recibiu Galicia”. Por iso, instou ao goberno galego a “ofrecer transparencia e garantías de que nin un euro dos fondos Next Generation van acabar nunha conta en Suiza ou Panamá”.