A escritora Arantza Portabales inaugurou os encontros literarios deste curso no IES Maximino Romero de Lema. A primeira cita foi cos membros do Club de Lectura de Adultos cos que intercambiou reflexións, arredor dunha taza de café e nun ambiente moi distendido, de aspectos diversos referentes a o home que matou a Antia Morgade.
A continuación foi a quenda do alumnado de 1º Bacharelato co que a autora falou de xeito máis extenso do seu proceso da escrita en xeral, e en particular daqueles aspectos da súa última publicación que quixo resaltar ou aqueles aos que o alumnado lle facía referencia a través das súas preguntas.
Comentou que neste libro quixo centrarse na culpa, en como afrontar a perda dun ser querido; tamén quería tratar o tema do abuso, do medo a denunciar por mor do xuízo social ao que se somete ás vítimas. Destacou que nesta novela o importante non é quen é o asasino, senón como todos os personaxes principais viven o medo a posibilidade de ser as súas próximas vítimas.
A novelista confesou que empezou a escribir por afección -por suposto sempre foi unha amante da lectura- e que acadou un espazo no que é totalmente libre a base de abandonar outras responsabilidades. Sinalou que o seu obxectivo como escritora é que gocemos coa lectura, que empaticemos co que lles ocorre aos personaxes.
Foron varias as sorpresas que lle tiñamos preparado á autora: Na propia entrada quedou abraiada pola composición con manequíns que representaban aos principais personaxes da novela.
Durante o café co Club de Lectura de Adultos encantoulle o agasallo dunha gran galleta na que estaba impresa a portada do libro. Ao entrar no salón onde a esperaba a rapazada soou a Canción de vida y muerte de Iván Ferreiro, coa que se emocionou pois está entre as súas preferidas e cuxa temática se relaciona co libro.
