Arde a escola de Pallas, antigo colexio Leus de Carballo


Minutos antes das 10 da noite deste venres o 112 Emerxencias Galicia mobilizaba á Policía Local, Protección Civil e Bombeiros de Carballo, o motivo era que estaba a arder o interior da escola de Pallas, coñecida tamén como o antigo colexio Leus.

“Tanto foi o cántaro á fonte que ao final terminou rompendo”, era unha das frases escoitadas na rúa Álvarez de Sotomayor. Os veciños afirman estar cansos de alertar ás autoridades das reunións de mozos no patio e o interior do que queda deste colexio abandonado, pechado pola súa banda frontal, pero facilmente accesible pola parte traseira que dá á rúa Gravador Manuel Facal.Unha vez máis reclaman a súa derrube como o final a unha situación diaria de perigo, tanto para os atrevidos que acceden ao interior como para os propios veciños.

Investíganse agora as causas do incendio, que segundo fontes próximas podería ter comezado nun colchón abandonado na primeira planta do inmoble. En principio, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais, pero si un considerable gasto no operativo de extinción, que durou case unha hora.