Arde a fábrica de conservas Jealsa, en Boiro


Un incendio afectou este sábado a conserveira Jealsa, en Boiro. O lume activouse contra as 14.30 horas, ao parecer iniciouse na cámara de conxelado. Solicitouse a intervención dos bombeiros de Boiro, Ribeira e Ribadumia, así como do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Noia e do servizo local de Protección Civil de Boiro. Tal e como o avanzan desde o 112 Emerxencias Galicia. Tamén foron alertados Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia, así como a Policía Local, Garda Civil e autoridades medioambientais da Xunta. Jealsa é unha empresa familiar, con máis de 60 anos de experiencia, dedicada á fabricación e comercialización de conservas de peixe e de marisco.

Os servizos de emerxencia estableceron un perímetro de seguridade na zona, coa e posibilidade de que se desaloxaran as persoas que residiran nas casas máis próximas. Ata o lugar desprazouse o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda para seguir a evolución do incendio da planta conserveira, alí avanzou que “non hai que lamentar danos persoais”. Con todo,  tivo que desaloxarse algunha vivenda máis próxima, por risco de fume. Dende a propia empresa din que están concentrados na protección das persoas e nas zonas con necesidade dunha maior protección. Dende o concello indicaron que “todas as administracións están traballando en conxunto” e que se están a poñer “todos os medios posibles” para “intentar atallar o lume o máis rápido posible”.