Unha ambulancia foi queimada en Santa Comba e outras dúas sufriron picadas na provincia de Pontevedra dous días antes de reunirse de novo este xoves patronal e sindicatos no Consello Galego de Relacións Laborais.
Sobre as 2,30 horas deste martes rexistrouse unha ambulancia queimada en Santa Comba na que había unha pintada na que se lía ‘convenio xa’. Ademais, na madrugada deste martes tamén se rexistraron catro rodas picadas nunha ambulancia en Nigrán, e noutra en Tui picaronlle o refrixerador e as catro rodas.
ORIXE DO CONFLITO
A raíz do problema nace das baixísimas licitacións sacadas a concurso pola Xunta en plena crise. Presionadas tamén polo desembarco de Ambuibérica (unha operadora estatal ligada a un ex-alcalde do PP), as concesionarias presentaron ofertas aínda máis baixas, coa esperanza de que o Goberno fose xeneroso posteriormente.
Tras negarse a Xunta a pagar máis, a consecuencia é que o servizo non é rendible, a patronal ameaza con deixar de prestalo e mantén aos traballadores sen novo convenio desde hai anos. Tras meses de mobilizacións, empezou a folga que, como noutras oportunidades, está infestada de incidentes. A Xunta anunciou novas licitacións por fin. Con todo, non confirmou que haberá máis diñeiro e estima que non haberá resolución ata despois do verán. E se non hai máis diñeiro, non hai novo convenio.