- O aviso produciuse arredor das catro da tarde deste luns
Este luns a empresa Jumava Maquinaria S.L. sufriu un incendio en boa parte das súas instalacións do polígono industrial de Bértoa.
O aviso ao 112 Galicia produciuse arredor das catro da tarde. Segundo os bombeiros de Carballo, nun primeiro momento pensábase que o lume se iniciara nun vehículo, pero finalmente puideron comprobar que este estaba localizado na cabina de pintura, dentro da propia nave.
As lapas apoderáronse rapidamente das instalacións, ubicadas na rúa Titanio, afectando tamén ao recubrimento da fachada e a unha pequena parte da cuberta. Afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais xa que os operarios evacuaron o lugar de inmediato.
No operativo de extinción tamén participaron efectivos da Policía Local e a Garda Civil de Carballo xunto con Protección Civil.