Arde parte dunha subestación eléctrica en Somonte, Vimianzo


Varias zonas de Vimianzo sufriron na tarde deste sábado dous cortes de subministración eléctrica. O primeiro produciuse ás 19:27 horas e durou cinco minutos, o seguinte ás 20:43 e durou algo máis de oito minutos. A avaría estaba localizada nun incendio que se produciu na subestación eléctrica que posúe o grupo Naturgy no lugar de Somonte. Tras unha explosión, produciuse o incendio nun transformador. A partir de aí o 112 Emerxencias Galicia Mobilizou aos Bombeiros de Cee, Garda Civil, Protección Civil e Policía Local. A instalación dispón de sistemas de conmutación para derivar o servizo en caso de avaría ou sobrecarga, polo que os cortes de subministración foron insignificantes. Na zona conflúen varias liñas de entroncamento de rede e evacuación dos parques eólicos da zona, unha delas, de moi alta tensión, vertebra varias comarcas e une este centro de Vimianzo co centro de distribución existente en Mesón do Vento. Por sorte non houbo que lamentar danos persoais.