Arde por completo un garaxe e dous vehículos nunha vivenda en Oleiros

Arquivo. Intervención_Bombeiros Arteixo_Cedida.

Os servizos de emerxencia participaron na tarde deste domingo na extinción dun lume que se iniciou no garaxe dun domicilio situado na parroquia de Dorneda, no municipio coruñés de Oleiros.

O 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que daba conta de que saía fume do garaxe dun veciño. Seguidamente, varias persoas tamén se poñían en contacto co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia para informar do mesmo. Un deles engadía que nese garaxe había dous vehículos, que poderían estar ardendo.

De inmediato, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Arteixo, da Garda Civil, da Policía Local, do Servizo de Emerxencias de Oleiros e, por se houbese persoas afectadas, tamén se trasladou o aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.

Nun primeiro momento, os axentes da Garda Civil mobilizados ata o lugar, avisaban que o lume que, nun principio, se iniciara no garaxe, tiña risco de propagarse á vivenda unifamiliar. 

Finalmente, os Bombeiros de Arteixo confirmaban que o lume calcinara por completo o garaxe e dous vehículos, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais e o incendio tampouco se estendeu ao resto da vivenda.