0
Ao fío da medianoite, un particular contactou co 112 Galicia e sinalou que estaban ardendo os baixos dun microbús no quilómetro 143 da AP-9, en Cobres (Vilaboa). As 24 persoas que viaxaban nel atopábanse ilesas fóra do vehículo, que quedou parado na beiravía. Todas viñan de ver o partido do Celta en Balaídos.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción da Garda Civil de Tráfico, Bombeiros do Morrazo e servizos de mantemento. Á súa vez, tamén interviñeron medios do distrito forestal da zona, da Consellería de Medio Rural, xa que o lume afectou a unha zona de vexetación próxima á vía.
A circulación permaneceu cortada durante as tarefas de limpeza.
