Arde por completo un tractor nun pendello en Vimianzo

Foto: Bombeiros de Cee.

Un incendio nun vehículo agrícola calcinou por completo un pendello na parroquia de Tines, en Vimianzo. A pesar dos cuantiosos danos materiais, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

O 112 Galicia recibiu o aviso dunha persoa que solicitaba axuda para conter as lapas que afectaban á cabina dun tractor almacenado no interior dun alpendre.

Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Cee, aos axentes da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil de Vimianzo. Unha vez no lugar, os medios de extinción confirmaron que a construción quedou totalmente consumida polas lapas, o que incluíu o vehículo agrícola e tamén algo de leña almacenada.