Arde un piso habitado en Laxe

Foto.- Bombeiros de Carballo.

Susto monumental o que levaron os veciños da Avenida Isidro Parga Pondal 3 de Laxe. Pasadas as 8 da tarde deste sábado produciuse un incendio no segundo piso do edificio de tres alturas que obrigou á intervención inmediata dos servizos de emerxencia. Ao lugar por aviso do CIAE 112 acudiron os bombeiros de Carballo. O alertante informou dunha explosión e seguidamente o incendio do piso; e advirten de que pode haber persoas no interior.

Cando chegaron os bombeiros de Carballo ao lugar, xa estaban traballando os compañeiros do GES de Ponteceso e informaban que o lume estaba extinguido e a única persoa ocupante do piso estaba sendo atendida nunha ambulancia pero con feridas leves.
O lume afectou aos mobles da cociña e os efectos da explosión chegaron a afectar ao salón, onde derrubou o ventanal e tamén a un dormitorio onde prendeu o lume na roupa da cama e no colchón.
Na vivenda non había gas canalizado e as únicas instalacións de gas eran 2 bombonas de butano, unha para abastecer a cociña e o quentador da auga e outra nunha estufa catalitica, situada tamén na cociña. As bombonas non se viron afectadas pola explosión nin polo lume pero foron retiradas da vivenda por precaución. As medicións realizadas na vivenda deron negativas á presencia de gas nese momento. A persoa afectada, única usuaria desa vivenda, foi rescatada do interior por un veciño que lle axudou a sair. Estas 2 persoas foron atendidas no punto polos sanitarios da ambulancia pero non precisaron traslado. No operativo tamén participou Protección Civil de Laxe e a Garda Civil.