Os medios de extinción traballaron arreo para evitar que o lume afectara a unha corte de animais pegada ao local.
Ademais dos Bombeiros de Arteixo achegáronse ata o lugar os de Betanzos, que cando chegaron indicaron que o lume estaba descontrolado, sen embargo, puideron sacar os animais e a maquinaria que albergaba o alpendre. Por fortuna, ninguén resultou afectado, iso si, segundo indicaron os profesionais de extinción, ardeu o restaurante por completo e víronse afectados os invernadoiros que estaban ao carón do establecemento de hostalaría.
As primeiras chamadas de alerta recibíronse no 112 Galicia a través de varios particulares, ao fío das 23:00 horas do pasado venres. Segundo relataba un dos alertadores, ardía un restaurante no lugar de Souto, en Carnoedo, no concello coruñés de Sada. Engadía que o local estaba pegado a unha cuadra con animais no seu interior, que se escoitaban moitos estoupidos e que tamén corría perigo un coche que estaba estacionado.
Desde o 112 Galicia púxose decontado un dispositivo de intervención formado polos Bombeiros de Arteixo, de Betanzos, da Garda Civil, da Policía Local e do persoal do servizo provincial de incendios. Tamén informouse da situación ao persoal do Concello e ao do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazou unha ambulancia a modo preventivo.
Con todo, preto das 03:00 horas da madrugada os Bombeiros de Arteixo comunicaron ao 112 Galicia que remataran a súa intervención, ardera todo o local menos a zona onde estaban os animais.
No lugar quedaban os compañeiros de Betanzos refrixerando a zona, que tras dar por extinguido o lume, confirmaron que ningunha persoa resultara ferida e que se conseguira salvar a zona das cortes que albergaban os animais.